Faial de Busmayor e Pico Faro

O día 17 é o Día Das Letras Galegas, así que aproveitando a data, dende o club propoñémosvos unha visita ao Bierzo para coñecer o Bosque de faias de Busmayor.

A actividade comeza e remata neste pobo pertencente ao concello de Barjas. Iremos ata o final do pobo onde atoparemos un panel explicativo coa fauna e a flora do bosque e máis adiante outro indicando a ruta. Será un fermoso percorrido aledando a nosa vista coa riqueza botánica do bosque (faias, acivros, bidueiros, etc.) e as pequenas fervenzas que contén, entre elas a ”Frevencia do Beiro”. Veremos tamén a pequena “Cova da Raposa”, que serviu de refuxio durante a guerra civil. Despois continuaremos pola “Senda do Faxeiral” ata chegarmos á “Piedra de Los Poetas”, un lugar espectacular no que se abre un claro dentro do bosque e onde cada ano polo mes de agosto se reúnen uns cantos poetas bercianos a ler poesías. Alí nós leremos tamén unha poesía de Manuel María, o homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas.

Despois visitaremos outra pequena fervenza e logo, se a maleza o permite, tentaremos chegar ata a “Cova de Veigadecima”. Volveremos un pouco sobre os nosos pasos e subiremos por unha pista cara ao cordal que limita a provincia de Lugo co Bierzo, chegando ata o “Chao do Marco”, a 1.461 m de altura. Continuaremos polo cordal ata subir ao pico “Faro” de 1.615 m, un dos cumios máis altos e menos coñecidos do Courel, dende onde poderemos deleitar os sentidos contemplando pobos, vales e picos coma o Formigueiros, Peña del Seo, etc. Se o tempo o permite comeremos alí no cumio. Despois descenderemos polo cordal ata o “Campo Gamoal” (1.501 m), no que se conserva un vello pluviómetro, para logo baixar por unha pista que pasa por un merendeiro e un miradoiro dende o que poderemos botar unha ollada ao pobo de Busmayor. Despois atoparemos unha fonte e xa pouco a pouco chegaremos de novo ata o punto de partida.

Data: martes 17 de maio de 2016 (día das Letras Galegas)

Lugar de saída: Albergue de Quiroga ás 8:30 hrs. (usaremos os nosos propios medios para o desprazamento).

Chegada (estimada): 19:00 hrs.

Disciplina: sendeirismo

Distancia aproximada: 11 km.

Desnivel acumulado aproximado (positivo e negativo): +650 -650 m

Dificultade: media

Dirixida a: socios (IMPORTANTE: para calquera das actividades recoméndase dispoñer de licenza federativa ou seguro que cubra os riscos na práctica dos deportes na montaña).

Material necesario:

  • roupa e calzado axeitados para montaña e suficiente en función das previsións meteorolóxicas
  • mochila con auga e comida para toda a xornada
  • bastóns para camiñar (opcional)
  • en función da meteoroloxía prevista protección solar (gafas, crema solar, gorra/sombreiro…)
  • roupa e calzado de recambio

Inscrición: cumprimentar o seguinte FORMULARIO

Notas:

  1. A ruta poderá ser modificada ou suspendida en función das condicións climatolóxicas.
  2. Aínda que a ruta está algo sinalizada, o percorrido polo seu interior non é doado, xa que hai varias posibles opcións de ruta que se mesturan na sinalización e poden levar á confusión, ademáis de que pode haber maleza nalgunhas zonas. Pero coa sinalización e a axuda dos medios tecnolóxicos buscarase o camiño máis axeitado.
  3. Vaise levar unha poesía de Manuel María para ler, pero se alguén ten predilección por algunha obra do escritor en concreto, convidámolo a que a leve para lela alí.

Ruta sobre o mapa topográfico do IGN (premer no mapa para velo a maior tamaño, recomendable velo nun PC):

Ruta do faial de Busmayor e Pico Faro
Ruta do faial de Busmayor e Pico Faro

Roteiro en formato GPX (para o que queira levar á ruta no GPS ou móbil): premer aquí (o roteiro ten 9 km. no canto dos 11 previstos porque non inclúe o tramo ata a cova de Veigadecima).