Propoñemos unha visita a finais de xuño aos Picos de Europa para realizar dúas espectaculares rutas de sendeirismo, a primeira no macizo oriental e a segunda no central.
Datas: venres 26 – domingo 28 de xuño
Saída: venres 26 do Albergue de Quiroga (hora por determinar).
Disciplina: sendeirismo
Distancia aproximada:
– Sábado 27: 14 km.
– Domingo 28: 22 km.
Desnivel acumulado aproximado en metros (positivo e negativo):
– Sábado 27: +250 -1000
– Domingo 28: +400 -400
Dificultade: media
Necesaria licenza ou seguro privado: non
Material necesario:
- roupa e calzado adecuados para media montaña
- mochila con auga (moi importante se temos un día de calor) e algo para picar (froitos secos, barriñas,…)
- bastóns para camiñar
- ter en conta que a finais de xuño podemos ter sol e forte calor co cal é imprescindible a protección adecuada (gafas de sol, crema solar, gorra/sombreiro…)
A data límite para facer a inscrición é o 17 de maio. O prezo final dependerá do número de participantes, previsiblemente estará entre 50-100 €, desprazamento e aloxamento incluídos, aínda que tentaremos reducir ao máximo o gasto final.
DESCRICIÓN DAS RUTAS
Ruta 1 (sábado 27): Achegarémonos a Fuente Dé (1.094 m) para coller o teleférico que en menos de 4 minutos nos deixará a 1.853 m., salvando máis de 750 m. de desnivel. Aquí comezaremos a ruta propiamente dita, sairemos da estación do teleférico e comezaremos a camiñar pola pista cara á Horcadina de Covarrobres (1.920 m.). Aquí a pista bifúrcase, un ramal cara ao interior do macizo e outro cara a Áliva. Colleremos este último ramal, seguindo por esta pista na que pasaremos por enriba do Chalet Real. Durante o descenso chegaremos ao hotel-refuxio de Áliva a 1.670 metros.
Unha vez no hotel-refuxio tomaremos unha pista que nos leva ás Vegas de Sotres tamén coñecidas como Vegas del Toro, situadas a 1.080 metros de altitude. Seguiremos o noso camiño pola pista, nun suave descenso cara aos Invernais de Cabao (950 metros de altitude). Pasamos estes e remontamos a pendente ata enlazar coa curva da estrada subindo por esta ao noso punto de chegada, Sotres, a 1.050 metros de altura.
Ruta sobre o mapa topográfico do IGN (premer no mapa para velo a maior tamaño, recomendable velo nun PC):
Roteiro en formato GPX (para o que queira levar a ruta no GPS): premer aquí.
Ruta 2 (domingo 28): Arquicoñecida e espectacular ruta polo desfiladeiro do río Cares. A Ruta do Cares está situada no Parque Nacional dos Picos de Europa. Transcorre entre a localidade asturiana de Poncebos e a leonesa de Caín nun percorrido de 11 km., atravesando o desfiladeiro que segue o río nunha das rutas de sendeirismo máis espectaculares que se poden facer en toda Europa. O río Cares tallou este impresionante desfiladeiro que divide Picos de Europa e separa o Macizo Central do Macizo Occidental cuxos cumios en ambos os dous Macizos se elevan máis de 2.000 metros sobre o fondo do desfiladeiro por onde corren as cristalinas augas do río Cares.
Ruta sobre o mapa topográfico do IGN (premer no mapa para velo a maior tamaño, recomendable velo nun PC):
Roteiro en formato GPX (para o que queira levar a ruta no GPS): premer aquí.
A ruta en imaxes